Tuesday 16 de April de 2024

Concello e Deputación unen forzas para facer realidade unha residencia para maiores con enfermidades mentais


A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuníronse hoxe con persoas representantes da APEM para abordaren este proxecto

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, mantiveron hoxe unha reunión con persoas representantes da Asociación Prol Enfermos Mentais (APEM) da Coruña co fin de abordaren a construción dunha residencia para maiores con enfermidades mentais.

Inés Rey trasladou o apoio municipal a este proxecto para o que analizará unha posible localización co fin de que poida ser financiada polo organismo provincial. O obxectivo é delimitar un espazo ou ben aproveitar un edificio existente que poida acoller unha unidade residencial para persoas con enfermidades mentais.

“Os proxectos dirixidos ao benestar social e que axudan ás entidades sociais son unha das prioridades do meu goberno. Tanto a Deputación como o Concello procuraremos unha posible localización para tratar de lle dar solución a esta demanda da APEM”, apuntou a rexedora, ao tempo que lle instou á Xunta a
participar nesta iniciativa co fin de pronto poida ser unha realidade.

Pola súa banda, González Formoso afirmou a necesidade de apoiar a este colectivo de persoas que necesitan de coidados especiais cando chegan a determinada idade  e destacou a importancia de “coordinar, buscar consensos e dinamizar proxectos de interese social coma este”.

APEM asiste na actualidade a preto de 300 usuarias e usuarios da área sanitaria coruñesa a través de centros de rehabilitación psicosocial e unha unidade residencial para persoas de 18 a 60 anos, situada en Cee. Neste novo punto de atención, daríanlle cobertura ás afectadas e afectados que superan os 60 anos xa que cando cumpren esta idade pasan directamente á rede de residencias públicas de maiores e non reciben unha asistencia específica pola súa enfermidade.